Foto de Naiara, gañadora de OT 2023, sostendo o seu premio, rodeada dos seus compañeiros.

Naiara álzase vencedora de OT 2023

FERROL, GALICIA

Despois de tres meses de concurso, Operación Triunfo 2023 chegou ao seu final nunha apoteósica gala final, na que seis concursantes se xogaban o trofeo. Tras dúas rondas de actuacións, a vitoria foi para Naiara, que obtivo un 49% de votos do público na votación final.

O certame musical, que levaba descansando dende 2020, volveu do seu letargo por primeira vez nunha plataforma de streaming (Amazon Prime Video), e foi un éxito, con tres millóns e medio de espectadores únicos, picos de audiencia de 200.000 persoas no directo en YouTube e máis de 100 millóns de escoitas dos temas da edición en plataformas dixitais.

E a isto respaldáballe un bo casting, formado por 16 artistas que foron pasando semana a semana polas galas ata chegar a esta Gala 12, na que o formato se despediu temporalmente, pero cunha futura edición de OT xa confirmada.

Un último baile

A derradeira gala deste OT abriu cunha actuación grupal de impacto: Last Dance de Donna Summer, na que os finalistas estaban acompañados da presentadora, Chenoa, que xa cantara este tema na súa edición de OT (foi cuarta na primeira edición do formato). Chenoa abría o tema na pastilla central do escenario, e ao romper a canción uníase aos concursantes e comezaban a cantar todos con ela, nun número algo nostálxico pero moi animado.

*Estes vídeos son os fragmentos de algo máis de medio minuto que sube o programa a YouTube. Por razóns de dereitos de Prime Video, da gala 7 en adiante non están dispoñibles as actuacións completas en YouTube, só na plataforma de Amazon.

Tras este baile de apertura chegaron as actuacións dos finalistas. A orde destas foi decidida, a diferenza das outras galas, ao azar, ao deixar aos concursantes escoller ao chou unha papeleta numerada.

A primeira actuación de finalista veu da man de Lucas Curotto, que trouxo ao escenario Pillowtalk, de ZAYN. Só no palco, descendeu dunha rampa e interpelou directamente ao público e á cámara, cunha actitude sensual e confiada que foi o seu punto central, e con alarde do seu rexistro vocal.

O segundo en actuar foi Paul Thin, con BABY HELLO de Rauw Alejandro. O tema abriu só a piano, cun arreglo íntimo pedido polo artista, e ao romper se lle uniu o corpo de baile para traer todo o ambiente de festa. Foi unha performance moi completa, na que mesturou canto e rap, que incorporaba arreglos de tango, coreografía, moita enerxía e carisma, acompañado todo dunha das realizacións máis complexas da noite.

Despois do subidón de BABY HELLO, o ton cambiou a algo máis emotivo con Martin Urrutia, que interpretou golden hour de JVKE. Tamén só no escenario, acompañado dun piano, un sofá e uns focos, trouxo moita sensibilidade nunha actuación que lle permitiu amosar intimidade por momentos e chorro vocal noutros.

E o ambiente de sensibilidade deu paso ao poderío e a potencia que trouxo Naiara, con Sobreviviré de Mónica Naranjo. A zaragozana interpretou a canción dende unha plataforma, parada e envolta polo fume, pero a súa potencia vocal e actitude fiera tiveron tanto poderío como os grafismos de tormenta que a envolvían.

Naiara pasou o testigo a Ruslana, que defendeu un clásico no escenario: Zombie, de The Cranberries. Sobre unha plataforma rodeada de aparentes sacos de trincheira, a artista evocou a rabia do tema orixinal e plasmouno na súa voz, con desgarro e cunha impactante presencia escénica e conexión coa cámara.

O broche final ás actuacións dos finalistas púxoo Juanjo Bona, cunha sentida interpretación de Without You, de Harry Nilsson. Cunha tenue iluminación azul e rosada e un corpo de bailaríns de contemporáneo detrás, Juanjo demostrou non só a súa capacidade vocal, senón moita conexión coa canción, emoción e sentimento.

Entre actuación e actuación, Chenoa recibía aos artistas no sofá e lles facía preguntas, e se proxectaron uns vídeos compilando a experiencia dos finalistas no programa. Houbo espazo para a risa, a nostalxia e a emoción, con momentos como a entrada dos pais de Lucas, que viven en Uruguay, para saudar e animar ao seu fillo.

Antes de revelarse o sexto, quinto e cuarto clasificados, apareceu no escenario a primeira artista invitada da noite: Lola Índigo (extriunfita, de OT2017), que cantou un dos seus temas inéditos e dous dos seus hits, Casanova e El tonto. E plasmou no palco un espectáculo digno dos seus shows, con atrezzo, moitísima coreografía e looks á altura.

Naiara, Paul Thin e Ruslana, á segunda ronda

Os votos do público deron a sexta posición da final a Martin, cun 6%; a quinta a Lucas, cun 7%; e a cuarta a Juanjo, cun 13% dos votos. Por tanto, Naiara, Paul Thin e Ruslana se convertiron no top 3 do concurso e os que avanzaban á última ronda do certame.

Nesta última volta podían cambiar todas as tornas; os concursantes tiñan que interpretar os seus temas da Gala 0, e os contadores de votos se puñan a cero, anulando calquera previa vantaxe que puideran ter os integrantes deste top 3.

Tras defender antes Sobreviviré, agora Naiara pisaba o escenario con forza para traer de volta Me Muero, de La Quinta Estación. Con grafismos de flores, como na súa gala 0, pero esta vez parada no pé de micro, moi elegante, templada e moi conectada co público, ao que lle adicaba este último canto. E este se involucraba con ela.

Nun cambio drástico de carácter con respecto á súa actuación de finalista, Paul Thin reapareceu no escenario para interpretar Way Down We Go, de KALEO. Só no escenario, nunha interpretación na que o granadino sacou a relucir a súa voz, os seus graves e a súa arrolladora personalidade artística, algúns dos elementos que hipnotizaron ao público na Gala 0 e que volveron facelo nesta recreación.

Ruslana foi a primeira en actuar na Gala 0, e pechou o ciclo coa última actuación da edición. E fíxoo con forza e garra, con I Love Rock n’Roll de Joan Jett & The Blackhearts, nunha performance que recreou un pequeno concerto para facer seu o palco. A artista volveu amosarse como unha rockstar, cunha actitude algo gamberra e confiada, e derrochando carisma.

Tras as derradeiras actuacións dos concursantes, deuse paso á segunda artista invitada da noite: Ana Mena, que, sobre unhas escaleiras e respaldada polo seu corpo de bailaríns, interpretou o seu hit Madrid City. A esteponera fixo unha exhibición memorable, que subiu os ánimos no clima de expectación e fixo saltar ao público.

Antes de darse a coñecer a orde do top 3, chegou un dos momentos máis esperados da gala e da edición: os 16 concursantes de OT 2023 cantaron o himno da edición, Historias por contar, nunha actuación moi persoal, que evocaba a amizade, as boas experiencias e o desexo de bos futuros xuntos.

E, pasado un tempo dende a posta a cero dos contadores, pecháronse liñas e se revelaron as novas porcentaxes de votación: 25%, 26% e un avantaxado 49%. A terceira clasificada, con ese 25% dos votos, foi Ruslana.

Despois dunha tensa secuencia, Naiara proclamouse gañadora de OT 2023 con case a metade dos votos do público.

Datos de millóns

María José Rodríguez, responsable de contidos orixinais de Prime Video, afirmaba na roda de prensa posterior á final que OT 2023 era «a estrea nacional máis vista na historia de Prime Video», e que contara con «3 millóns e medio de espectadores únicos«, e que a fidelización da audiencia foi do 85%. A recepción foi boa e case todo o mundo volvía semana a semana.

Captura da roda de prensa do martes 20 de febreiro.

Tinet Rubira, director da produtora Gestmusic, afirmou tamén nesta roda de prensa que había 1.600.000 usuarios rexistrados na aplicación oficial de OT, e que na votación da superfinal entre Naiara, Paul Thin e Ruslana se rexistraran 1.200.000 votos.

Foi o contido máis consumido dos luns, por riba das televisións liñais. O hashtag #OT2023 en TikTok obtivo 5.000.000.000 de visualizacións. O canal de YouTube tivo picos de 200.000 persoas vendo os contidos, con momentos clave como o reparto de temas ou os pases de micros.

Outro dos datos de éxito veu da asistencia ás firmas de discos; as firmas que se fixeron antes da gala 9 rexistraron a 12.000 persoas en Madrid, 4.000 en Barcelona (con 2.000 que quedaran fóra) e o recinto desbordado en Zaragoza.

Ademais, os datos das escoitas son moi relevantes; todos os temas, publicados nas plataformas dixitais, acadaron 100 millóns de escoitas. As cifras reveladas foron ben consideradas, especialmente para un formato nunha plataforma dixital que antes estivera na televisión en aberto.

Deja un comentario