Edmundo Inácio homenaxea en «Vai-se Andando?» á música portuguesa de raíz

A CORUÑA, GALICIA

Un ano despois de finalizar na segunda posición no Festival da Canção despois dun épico empate na fase de xurados profesionais, o polifacético artista portimonense Edmundo Inácio presenta o seu disco de estrea: «Vai-se Andando?».

Tras un camiño que comezou en The Voice Portugal 2021 e continuou no certame da RTP, o cantante luso fai no seu primeiro álbum unha homenaxe á música tradicional portuguesa, aportando un punto de vista diferente e completando a resignificación de mensaxes como reivindicación de problemas aínda vixentes na vida cotiá.

Nun disco curto, aínda que moi intenso, comeza a navegar polas augas da música electrónica no tema que abre o proxecto e que lle outorga o seu nome. Continúa, así mesmo, con A Festa, canción coa que intentou representar a Portugal en Liverpool.

Edmundo toma en É tão bom unha vía máis tradicional (a tónica principal deste traballo), mais muda diametralmente en Agora vira, sinxelo que xa presentara no verán do 2023. Neste tema, o artista de Portimão experimenta con sons máis alternativos que enche cunha mensaxe reivindicativa e crítica da sociedade actual.

En interludios coma Al Garve, Filhas da terra ou Do campo ao mar, Edmundo dá espazo a pequenas pílulas da arte do país; na primeira, como é posíbel intuír polo seu título, á música algarvía; na segunda, por exemplo, a unha coral feminina que ben nos podería lembrar ás agrupacións populares galegas.

Este son tan tradicional esténdese en Minha Mãe, na que o artista portugués colabora coa Coral os Ganhões de Castro Verde.

En cada unha das cancións que integran o disco, Edmundo é quen de facer de canle idónea para unha mensaxe clara, combativa, e necesaria. Moitas delas teñen, curiosamente, unha importancia capital no seu desenvolvemento como artista, no seu xeito de entenderse a si mesmo.

En Josézito, Edmundo reimaxina unha canción infantil (Josézito, já te tenho dito…) apuntando directamente a outra das problemáticas que non son alleas a ninguén: o machismo. Tamén é significativa na súa carreira Não vas ao mar, Tonho, canción interpretada orixinalmente pola lexendaria Tonicha e que Edmundo interpretou nas probas cegas de The Voice, sorprendendo aos catro xuíces.

O cantante portimonense pecha este traballo con Que seja o fim, onde reflexiona e lamenta a tristura e baixeza da guerra («Há corpos no chão […], não quero um filho num mundo assim»).

De xeito colectivo, «Vai-se Andando?» supón un traballo de grande madureza artística, aínda máis tendo en conta que se trata do seu álbum de estrea.

Podes ver aquí a entrevista que Edmundo Inácio concedeu a Madfan Music antes do Festival da Canção 2023:

Deja un comentario