O Son do Camiño anuncia o seu cartel completo para a edición deste 2024

Brión, Galicia

Está claro que desde a súa primeira edición no 2018, O Son do Camiño convertiuse nunha das citas musicais máis agardadas en Galicia. Desta volta, o festival celebrarase os vindeiros 30, 31 de maio e 1 de xuño, cun cartel que, como vén sendo habitual, ten artistas para todo tipo de públicos.

A pouco máis de dous meses da celebración desta edición, aínda quedaba por anunciar o cartel oficial por días e dar algúns dos nomes que faltaban por incorporarse ao resto do elenco. Entre as novidades, atopamos artistas de renome nacional como Recycled J ou Judeline. Con todo, as últimas confirmacións son un agasallo para os fanáticos da música electrónica, con importantes artistas internacionais do seu panorama como o dúo sueco Icona Pop —coñecidas polo seu hit de 2012 I Love It xunto con Charli XCX— ou o dúo británico Solardo.

Unha das novidades que terá o evento este ano será un escenario propio para a música electrónica; o escenario Son Electro. Xa en edicións anteriores, houbo escenarios alternativos para este xénero musical mais semella que desta vez, terán unha maior relevancia dentro do Son do Camiño.

Nesta ocasión a representación galega sobre o principal escenario do festival, virá da man de Berto, os grupos Maryland e Monoulious DOP, Baiuca e Carlos Ares. Unha aposta á que xa estamos acostumados entre artistas máis consolidados e artistas emerxentes.

Unha nova edición de O Son Camiño para todos os gustos e que chama a ser un evento case obrigatorio para calquera ao que lle guste a música e queira descubrir artistas novos de calquera xénero musical. Podes atopar toda a información relativa á venda de entradas na páxina web do festival.

Deja un comentario